Monday 06 de May de 2024

O Concello adxudica a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río


A Concellaría de Infraestruturas inviste 643.720 euros nesta obra que inclúe a renovación de pavimento, soterramento da iluminación e unha rede separativa das augas pluviais e residuais

O Concello da Coruña informa da adxudicación do proxecto de reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río. O Goberno municipal, a través da Concellaría de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, inviste 643.720 euros, o que supón unha rebaixa do 21,5% con respecto ao presuposto de licitación, un aforro de 176.440 euros.
Unha vez analizadas as 15 propostas para estes traballos de reurbanización en San Pedro de Visma, adxudicouse á Unión Temporal de Empresas (UTE) Construcións Ramón Vázquez e Reino-Eulogio Viñal Obras e Construcións. O prazo de execución das obras é de seis meses e dúas semanas, o que supón unha rebaixa de mes e medio fronte á previsión máxima fixada no expediente de licitación.
Este proxecto, que forma parte do compromiso municipal de modernizar as rúas e espazos públicos da cidade, mantén o trazado actual polo interior do barrio de Visma, renovando o pavimento e executando gabias para o soterramento da iluminación,
o deseño dunha canalización de pluviais para realizar unha rede separativa da rede de augas residuais e trázase unha rede de telecomunicacións ao longo de todo o ámbito para nun futuro poder enterrar os servizos existentes sen necesidade de levantar o asfalto. Tras a demolición do pavimento existente, repavimentarase o vial con lastra, formigón ou asfalto, en función do tramo de rúa. Tamén se instalarán bancos e papeleiras e plantaranse árbores.
O Concello executará este proxecto de xeito paralelo ao resto de actuacións que se desenvolven ou xa están programadas en San Pedro de Visma e que supoñerán un antes e un despois para o barrio, cun investimento global que supera os 11 millóns de euros
-un presuposto que supera os 30 millóns de euros se se suman as novas instalacións de Padre Rubinos na zona-. Así, a semana pasada arrancaron as obras do parque Adolfo Suárez, onde a Fundación Amancio Ortega -en virtude do convenio para a nova residencia de Padre Rubinos asinado por Concello, FundaciónAmancio Ortega e a Institución Benéfico Social Padre Rubinos-inviste 2.219.140 euros.
En total, proxectouse a urbanización de 100.000 metros cadrados en San Pedro de Visma. O parque Adolfo Suárez, cun prazo máximo de execución de 9 meses, alcanzará os 70.000 metros cadrados, aos que se suman outros 30.000 para os campos de futbol que constrúe a Federación Galega de Fútbol e para os novos accesos que se executan con motivo de todos estes equipamentos.